ALUMNO: JOSÉ JARDÓN MAGDALENA

COMENTARIO CRÍTICO SOBRE UNHA IDEA DE TELEVISIÓN



A POLÍTICA COMO ESPECTÁCULO NA TELEVISIÓN



Nestes últimos anos e por mor en grande parte da crise económica e institucional que sofre España tomou pulo un tipo de información de carácter político que eu denomino política-ficción ou espectacularización duns contidos tan áridos como son os políticos.



Nun comezo a información política en televisión cinxíase a contidos institucionais ou de mera propaganda ao servizo do partido único que rexía o país. O debate non existía e a información que proviña dos medios era totalmente unidireccional e estaba manipulada para co obxectivo de impor un estado concreto de opinión. Coa chegada da democracia a finais dos anos 70 apareceron programas de debate como La Clave presentado por José Luis Balbís. O programa analizaba en clave de actualidade multitude de temas de interese, entre os que por suposto se achaba a política. O debate seguía un modelo moi formal no que os intervienientes respectaban como norma xeral o turno de palabra e o moderador era unha figura respectada e decisiva á hora de dirixir o debate cara o tema obxecto do mesmo.

A chegada das televisións privadas trouxo consigo unha mudanza neste tipo de formatos, buscándose uns debates máis desenfadados nos que se analizaran os temas e asuntos máis importantes da actualidade. Neles xa se procuraba crear “bandos” á hora de opinar para darlle máis dinamismo e espectacularidade aos debates. Un exemplo foi Nadie es Perfecto de Telecinco onde os participantes eran normalmente xornalistas moi coñecidos que mostraban publicamente as súas diferenzas. Sen embargo a intervención directa dos responsables políticos nestes espazos era moi escasa e reservábase para as datas previas de comiciso electoriais, como por exemplo o primeiro debate televisivo que protagonizaron Aznar e González, moi diferente en canto a posta en escena e planteamento ao último debate entre os catro candidatos á presidencia do goberno no 2016. No final do século XX e comezos do presente eses debates/tertulias de actualidade política protagonizados por xornalistas comezaron a estenderse a magacines matinais como o presentado por María Teresa Campos en Telecinco durante varias temporadas. De novo os profesionais dos medios analizaban a información que ocupaba a portada dos xornais pero sen contar coa intervención asidua de personalidades ou voceiros políticos que puidesen dar unha visión propia das noticias que lles concernían.

Mais se algo mudou esa concepción de debate foi a brusca irrupción da crise económica na pasada década que multiplicou expoñencialmente o interese pola política dunha cidadanía enfadada e enfastiada e con ganas de escoitar a persoas críticas coa clase dirixente. As televisións non pederon a oportunidade de aproveitarse deste descontento e carraxe e decididamente apostaron por espazos de información e debate políticos desenfadados no que a polémica serviría de detonante para comezar a falar dos máis diversos asuntos. Novos partidos viron nese descontento e nese modelo televisivo unha oportunidade de ouro para transmitir a súa mensaxe e chegar facilmente a unha poboación desencantada con aqueles que os gobernaron durante décadas. Neste caldo de cultivo naceron programas como El gato al agua de Intereconomía que desde unha óptica ultraconservadora pretendía establecer debates entre distintas figuras xornalísticas e políticas. É aquí onde comezan a aparecer personaxes como Pablo Iglesias ou Juan Carlos Monedero que grazas a estas intervencións e ás redes sociais comezaron a facerse un oco na vida política do país. Cadeas máis grandes non tardaron en crear espazos como Al Rojo Vivo no que diariamente polémicos xornalistas de ideoloxías antagónicas contrapoñen as súas ideas desde un modelo de debate anárquico e sumamente desorganizado no que a moderación é interesadamente pouco eficaz. Ao contrario do que acontecía anos atrás a constante presenza dos novos partidos nestes programas obrigou aos novos dirixentes dos partidos tradicionais a compartiren plató con eles, protagonizando frecuentes liortas a conta de calquera tema de actualidade política. Os matinais das televisións privadas, como pode ser Espejo Público en Antena 3, tamén comezaron a contar diariamente cos protagonistas políticos da xornada e converterse en ventás de información moito máis eficaces cós tradicionais telexornais.

Pero se hai un espazo paradigma dese modelo de política espectáculo ese é La Sexta Noche presentado por Iñaki López. Este circo protagonizado por personaxes como Inda, Marhuenda ou Aroca racha todas as regras da dialéctica clásica convertendo a política e a súa análise nunha feira da que os novos e vellos responsables políticos son partícipes, alimentando falsos debates dos que rara vez se obteñen conclusións.

Cómpre destacar o baixo custo destes programas e as altas cotas de audiencia que obteñen, algo impensable hai uns cantos anos en programas de contido político. Igualmente estes espazos son ferramentas indispensables para darse a coñecer e foron empregados como xa se dixo por partidos como Podemos ou Ciudadanos para medrar en moi pouco tempo dunha maneira realmente abraiante.

En conclusión, as cadeas privadas souberon aproveitar as graves carencias políticas do país para así crearen unha nova política ligada indisolublemente aos medios e ao espectáculo con debates estériles que priman o entretemento sobre a informacin e o rigor. Igualmente estes espazos son en grande parte responsables xunto coas redes sociais do pulo de partidos que hai apenas 4 anos non existían ou eran residuais.

Bibliografía

Bustamante, E. (2013). Historia de la radio y la televisión en España. Editorial GEDISA.

Torres Rodríguez, L. (2015). La Tuerka: la tertulia política que saltó de la televisión comunitaria a las redes sociales. Universidad de Sevilla (COMPOLÍTICAS).

Pérez, M. A. (2015). Salsa Roja: Podemos como programa revelación de la temporada televisiva. Teknokultura, 12(1), 147-152.

Pérez, X. S. (2013). El nuevo escenario informativo en España después de la implantación de la Televisión Digital Terrestre. Ámbitos: Revista internacional de comunicación, (22), 151-160.